26. A xeosfera
Cal é a nosa maior fonte de información para estudar o interior da xeosfera?
Como non se pode acceder ao interior da Terra é necesario deducir, a partir dos datos obtidos por métodos indirectos, como é o seu interior para poder coñecer así a súa estrutura e as propiedades dos materiais que o compoñen.
Un dos principais métodos de estudo indirecto é o método sísmico, que está baseado no estudo das ondas sísmicas producidas por terremotos ou por explosións controladas. Analizando a velocidade e a traxectoria desas ondas pódese coñecer a composición química, o estado físico e a estrutura dos materiais que compoñen as partes internas da Terra.
Que son as descontinuidades?
Cando as ondas cambian de medio modifican a súa traxectoria e velocidade, polo que se pode deducir como é o interior da Terra ao analizar a diferencia de chegada aos distintos sismógrafos das ondas P (que se transmiten a partir dos medios sólidos e líquidos) e das ondas S (que só se transmiten a través dos medios sólidos).
As zonas nas que as ondas sísmicas modifican a súa velocidade ou mesmo desaparecen son as chamadas descontinuidades sísmicas.
Como son o estado e a composición química da capa máis interna da xeosfera?
A capa máis interna da xeosfera é o núcleo, que está dividido en dúas partes:
- O núcleo interno está composto por ferro sólido. Sen embargo, aínda que se atopa a unha temperatura de aproximadamente 5700ºC, a presión causada pola forza da gravidade impide que o ferro se volva líquido.
- O núcleo externo está composto por ferro, níquel e pequenas cantidades de outros metais en estado líquido, xa que nesta capa a presión é máis baixa.
Que é o campo magnético terrestre? Cal é a súa importancia? Que relación ten co núcleo?
O campo magnético terrestre é o campo de forza magnética que rodea ao planeta Terra. Atribúeselle ao efecto combinado da rotación planetaria e ao movemento de ferro fundido no núcleo do planeta.
As diferenzas de temperatura, presión e composición dentro do núcleo externo causan correntes de convección no metal fundido. O movemento do ferro líquido no interior do planeta xera correntes eléctricas que, á súa vez, producen campos magnéticos. Os metais cargados que pasan a través destes campos seguen creando correntes eléctricas propias, perpetuando o ciclo. A espiral causada pola forza de Coriolis fai que os campos magnéticos se aliñen aproximadamente na mesma dirección, producindo unha combinación que xera un vasto campo magnético que envolve ao planeta.
O campo magnético protexe á Terra do dano causado polo vento solar, unha corrente de partículas cargadas con enerxía que emana do Sol. Ademais, sen o campo magnético non teriamos atmosfera nin poderiamos empregar o compás. Así mesmo, os animais poden detectar o campo magnético da Terra e usalo para navegar durante a temporada de migración.
Como son o estado e a composición química do manto?
O manto terrestre é a capa sólida da Terra que se atopa entre a codia terrestre e o núcleo. Trátase dunha capa duns 2900 quilómetros de grosor, que compón o 84% da masa total da Terra.
Estímase que os seus elementos máis abundantes son o osíxeno (44,8%), o magnesio (22,8%), o silicio (21,5%), o ferro (5,8%), o calcio (2,3%) e o aluminio (2,2%), ademais doutros elementos minoritarios como poden ser o sodio ou o potasio.
Comentarios
Publicar un comentario